Campionato Galego de Medio-Fondo e Fondo sub-16 e controis de marcas

Triple cita en Pontevedra o sábado 6 de marzo: Campionato Galego de Medio-Fondo e Fondo sub16, no que participaron Noa Piñeiro (6ª na final A) e Lucas Lesmes (2º na final C) en 600m e Diego Fagúndez nos 3000m (7º na final B), e Campionato Galego Absoluto de Lanzamentos Longos, no que competiron Torcuato Labella (6º) e Hugo Leiva (7º) no lanzamento de xavelina. Ademais, Control de Marcas no que participaron un total de 22 atletas das categorías menores, moitos deles estreándose na competición esta tempada tan complicada. E tamén tivemos un atleta competindo o venres 6 de marzo en Elviña e outro o día 7 de marzo en Ourense.

Primeiro premio do concurso de disfraces doado por Rueiro Centro de Salud Dental

O Entroido este ano tivémolo que celebrar dunha forma “alternativa” debido ás restricións para a mobilidade e para adestrar en grupo presencialmente. Aínda así, celebramos o noso concurso de disfraces a través do Zoom, deixando a entrega de premios para o momento en que nos puidesemos reunir presencialmente de novo. Unha vez pasadas as restricións máis duras para a mobilidade, Nadir Moreira puido ir recoller o seu premio ao mellor disfraz no noso concurso “online”. O premio foi doado por un dos nosos principais colaboradores, Rueiro Centro de Salud Dental, a quen agradecemos que sigan connosco unha nova tempada

Campionato de Galicia sub18-sub20 en Pista Cuberta 2021

Dúas medallas para o club no Campionato de Galicia sub18 en Pista Cuberta celebrado o 28 de febreiro en Ourense. Daniel Cariñena acadou o bronce nos 200m sub18, mellorando a súa marca na semifinal e novamente na final cun excelente rexistro de 23.98. No salto de lonxitude rematou en quinta posición.

David García foi bronce no salto de altura, rematando en oitavo lugar no triple salto.

Diego Liñares, que mellorou a súa marca, e Matías Barca pasaron á final nos 60 m valos, sendo finalmente quinto e sétimo. Ambos participaron tamén nos 60 m lisos, sendo Matías oitavo na final.

Laura Barbazán, que participaba no Campionato sub20 de Probas Combinadas, rematou na cuarta posición.

Reseña no xornal El Correo Gallego

Reseña no xornal La Voz de Galicia

Campionato de Galicia de lanzamentos longos de Inverno – sub16

Tres lanzadores do club, Alfonso Labella, Pablo Cariñena e Lucas Lesmes, participaron no Campionato de Galicia de lanzamentos longos sub16 celebrado o 27 de febreiro en Pontevedra.

Alfonso Labella proclamouse campión galego de lanzamento de martelo e subcampión de lanzamento de xavelina, logo dunha espectacular competición de martelo na que recuperándose de dous primeiros nulos chegaría ata os 44,46m na mellora!

Pablo Cariñena foi bronce no lanzamento de disco, proba na que Lucas Lesmes rematou na cuarta posición.

Reseña no xornal El Correo Gallego

Reseña no xornal La Voz de Galicia

Selección galega de marcha en ruta

A atleta sub18 Salomé Segade foi seleccionada para participar coa Selección Galega sub20 no Campionato de España de Seleccións a celebrar o 14 de febreiro en Sevilla.

Campionato de Clubs de Probas Combinadas 2020

A fin de semana do 26-27 de decembro celebrouse en Pontevedra o Campionato de Galicia de Clubs de Probas Combinadas. O MillaRaio participou cun equipo formado polos atletas Mateo Aller (sub18), Alejandro Jiménez e Álvaro Francos (ambos sub16). Pese á súa xuventude, conseguiron acadar un meritorio 4º posto na clasificación de clubes con 8108 puntos, a tan só 88 puntos do 3º clasificado.

Mateo Aller rematou na primeira posición na categoría sub18, Alejandro Jiménez foi 3º na categoría sub16, e Álvaro Francos rematou en 6ª posición.

Laura Barbazán competiu de maneira individual na categoría absoluta, rematando na sétima posición.

Campionato de Galicia de Pista Cuberta 2020 (sub12-sub14)

Os atletas sub12 e sub14 viron no pasado mes de marzo suspendido indefinidamente o seu campionato de pista cuberta, que finalmente puido celebrarse o día 19 de decembro.

Oito atletas do club desplazáronse a Ourense para este campionato. Seis na categoría sub14 e dous na categoría sub12.

Subiron ao podio sub14 Lucas Pena, que foi prata no triple salto, e Álex Cabo (aínda independente pero que estreará a súa licenza co MillaRaio no 2021) que foi bronce no lanzamento de peso.

No peso sub14 participaron ademais Pablo Cariñena (5º) e Pablo Leiva (6º). Pablo Cariñena rematou en 4ª posición nos 60ml, nos que Álex Cabo foi 7º. Nuno Castro tamén correu nos 60ml, aínda que con molestias logo de participar no salto de lonxitude (7º). David Moreno foi 4º en salto con pértega e 7º nos 60m valos. Laura Sanz lesionouse no quecemento para os 60m valos e xa non puido participar na proba, nin nos 60 ml.

Na categoría sub12, Mateo Dagnac participou no salto de lonxitude, no que foi 4º, e Uxía Manteiga participou nos 60ml.

Campionato de España de Marcha de Promoción, categoría sub16

O día 6 de decembro celebrouse en Getafe (Madrid) o Campionato de España de Marcha de Promoción, no que competiu Salomé Segade na proba dos 3000 metros marcha.

VII Andaina Solidaria Contra a Violencia de Xénero

Todas e todos podemos deixar a nosa pegada contra a violencia de xénero. Desde o club animámosvos a participar na VII Andaina Solidaria Contra a Violencia de Xénero. Inscricións ata o día 27 de novembro na páxina web: http://caminoaorespecto.gal/inscribete #25N#CamiñoAoRespecto#contraaviolenciadexenero#NON

Campionato de Galicia de Marcha en Pista

Bronce para Manuel Labella no Campionato de Galicia de Marcha en pista sub18 celebrado en Pontevedra o domingo 22 de novembro. Salomé Segade foi cuarta na categoría sub16, a só 5 segundos do podio e mellorando a súa marca persoal. Nadir Moreira e David Moreno foron cuarto e quinto sub14, mellorando tamén as súas marcas nun minuto!!

Tres atletas do club nos Campionatos de España Individuais ao Aire Libre

A fin de semana do 24-25 de outubro celebráronse os Campionatos de España Individuais das categorías sub14 e sub16. No Campionato de España sub14 representaron ao club na pista de Vallehermoso en Madrid os atletas Pablo Cariñena no triatlón D (80m lisos, disco e peso) e Nuno Castro no triatlón A (80m lisos, 80m valos e peso).

Pablo Cariñena rematou cerca do Top10, finalizando 12º na modalidade de Triatlón D con 1.328 puntos, sendo segundo na proba de 80 metros lisos. As súas marcas: Lanzamento de disco: 25,92m – Lanzamento de peso: 8,16m – 80 metros lisos: 10.44.

Nuno Castro rematou a súa participación con 988 puntos, sendo 19º na modalidade de Triatlon B, e segundo mellor atleta de 2008. As súas marcas: Lanzamento de peso: 8,29m – 80 metros lisos: 11.51 – 80 metros valos: 16.25.

Para o Campionato de España sub16 celebrado en Granollers clasificouse Daniel Cariñena na proba dos 100m lisos, da que é o actual campión galego, que remataría en 7ª posición na súa semifinal.

Campionato de España Sub14 por equipos, por sétimo ano consecutivo

O equipo Sub14 masculino participou, por sétimo ano consecutivo, no VII Campionato de España Sub14 por equipos. O MillaRaio foi nesta ocasión o único representante galego na competición masculina que se desenvolveu a fin de semana do 17-18 de outubro en Nerja. Viaxaron a terras malagueñas 7 atletas do club: Adrián Sesar, David Moreno, Jorge García, Nadir Moreira, Nuno Castro, Pablo Cariñena e Pablo Leiva, completando o equipo Alejandro González, do club filial Atlética a A Silva.

Excelente actuación con moitas MMP, a medalla de bronce de Pablo Cariñena nos 80 m lisos, e tamén algunha dose de mala sorte nos concursos que impediu entrar no Top10.

Agradecemos a colaboración de Addomo Arquitectura Modular no desplazamento dos atletas, o avituallamento para a longa viaxe proporcionado pola froitería Tómate más fruta de Bertamiráns e as camisetas conmemorativas do campionato que lucirán os atletas, cortesía de AmeSport.

Campionatos de Galicia ao aire libre sub16 e sub14

Resumo do Campionato de Galicia sub16 e sub14: participaron 23 atletas do club, que recolleron ademais dun total de 12 medallas, moitas melloras de marcas persoais, pese ás dificultades para adestrar nestes últimos tempos!


Daniel Cariñena, proclamouse campión galego en 100m e tamén en lanzamento de disco sub16.

Alejandro Jiménez obtivo o bronce en 300m, quedando en terceiro lugar na súa semifinal de 100m.

Alfonso Labella conseguiu o bronce en lanzamento de xavelina e foi 5º en martelo.

Na categoría sub14, doblete nos 3000m marcha coa prata de David Moreno e o bronce de Nadir Moreira, que foi 6º en xavelina.

David Moreno foi tamén prata en salto con pértega.

Pablo Cariñena foi prata en lanzamento de disco, e bronce nos 80m.

Nuno Castro foi bronce en salto de lonxitude (non temos foto deste podio) e bronce tamén en xavelina.

Pablo Leiva obtivo o bronce no lanzamento de peso, no que se proclamou campión galego Álex Cabo, que xa adestra co club aínda que de momento competiu como independente.

Álex Cabo competiu tamén nos 150m, onde conseguiu a medalla de bronce.

En sub16 competiron tamén:
David García (4º en altura e 5º en triple salto),
Salomé Segade (4ª en 3000m marcha),
Valeria Batire Guridi (4ª en 3000m),
Asier Cabo (4º en lonxitude e sen marca no triple salto),
Álvaro Francos (4º en pértega e 6º na semifinal dos 100m valos),
Noel Ferraces (5º en lonxitude e 7º na semifinal de 100m valos),
Matías Barca (6º en 100m e 7º en 100m valos),
Lucas Dagnac (7º en 1500 obstáculos e 8º na semifinal de 100m valos),
Ángela Eiras (5ª na semifinal de 100m e 8ª en triple salto),
Pablo Crespo (6º na semifinal de 100m e 7º na semifinal de 100m valos),
Noa Piñeiro (7ª na súa serie de 1000m)
Daniel Bouzas (8º en lanzamento de peso)

En sub14:
Laura Sanz (3ª na serie semifinal de 80m e 8ª en peso)
Carlos Álvarez (3º na serie semifinal de 80m)
Jorge García (4º na serie semifinal de 80m)

Agradecemos o apoio dos nosos colaboradores Addomo Arquitectura Modular, Rueiro Centro de Salud Dental, Altia, Tómate más fruta, La Cesta Natural, A Mona Ramona Bertamiráns, Ansu-Car Milladoiro, Clinica Veterinaria Saudevet – Horacio Figueira, Panaderia Xallas, 吴彩萍 (Center Paloma), AmeSport

Fotografías: Facebook da Federación Galega de Atletismo

Campionato de Galicia ao Aire Libre Absoluto, Sub23-Sub20-Sub18

Despois da pausa debida á pandemia, retomáronse as competicións e os campionatos de atletismo. Entre o venres 28 e o domingo 30 de agosto celebráronse nas pistas de Elviña de A Coruña o Campionato de Galicia ao Aire Libre Absoluto e das categorías sub23-sub20-sub18, nos que Club Atletismo MillaRaio participou con cinco atletas, acadando un total de catro medallas: tres de prata e unha de bronce.

Laura Barbazán do MillaRaio e Zulfa Muiño do Santiago no lanzamento de martelo. Foto: @fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias

Na primeira xornada do campionato Laura Barbazán foi medalla de prata no lanzamento de martelo sub18.

Laura Barbazán, prata no lanzamento de martelo sub18

Na xornada do sábado participaron tres atletas na proba dos 100ml: Torcuato Labella, Antón Riveiro e Daniel Cariñena.

Torcuato foi quinto na categoría sub20, e Daniel foi cuarto na súa serie (competindo como absoluto ao ser da categoría sub16).

Daniel Cariñena e Torcuato Labella nos 100ml. Foto: @fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias

Antón Riveiro acadou a medalla de prata nos 100ml sub18, clasificándose ademais para a final absoluta, na que rematou sexto.

Antón Riveiro na final Sub18 dos 100ml. Foto: @fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias
Antón Riveiro, prata nos 100ml sub18. Foto: @fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias
Antón Riveiro na final absoluta dos 100ml. Foto: @fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias

Antón Riveiro participou ademais na proba de 200ml, rematando en cuarto lugar na categoría sub18, e volveu meterse na final absoluta, rematando quinto na final B (co mesmo tempo que o cuarto).

Antón Riveiro na final B dos 200ml. Foto:@fotocarlosgrafias #fotocarlosgrafias

Torcuato Labella foi medalla de prata no lanzamento de xavelina sub20, e Laura Barbazán volveu participar o sábado nos 100m valados sub18, nos que rematou en cuarta posición.

Torcuato Labella, prata no lanzamento de xavelina sub20.

Na última xornada, o domingo 30 de agosto, Sara Castelo acadou a medalla de bronce na proba de lanzamento de disco sub18.

Sara Castelo, bronce no lanzamento de disco sub18.

VII Campus de Atletismo MillaRaio

Presentamos a VII edición do Campus de Atletismo MillaRaio, que se celebrará do 13 ao 31 de xullo e do 31 de agosto ao 9 de setembro. O campus está aberto a nen@s nados entre 2014 e 2007 e terá lugar en horario de mañá, con hora de inicio a partir das 8:30 ata as 9:00, e horario de recollida entre 14:00 e 14:30. Na quenda de xullo poderase asistir por semanas soltas.

Concebido como ferramenta para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral en épocas non lectivas, o campus ofrece aos xoves atletas do Club a posibilidade de minimizar a perda de contacto co deporte durante as vacacións. Para pequen@s de fóra do Club, é unha opción para ter unha primeira toma de contacto co mundo do atletismo dunha forma divertida.

Tendo en conta a situación sanitaria actual pola COVID-19, priorizaranse as actividades ao aire libre e aquelas que requiran o menor contacto posible, sempre con grupos reducidos. A semana anterior a cada quenda enviaranse os horarios detallados de actividades do campus, que se adaptarán en función da climatoloxía.   Podedes consultar aquí a circular informativa completa: BASES CAMPUS MILLARAIO

Na seguinte ligazón podedes facer a inscrición ata o 6 de xullo para as quendas de xullo, e ata o 23 de agosto para setembro:

FORMULARIO INSCRICIÓN CAMPUS

Para formalizar a inscrición, débese enviar o xustificante de pago e o seguinte documento de consentimento asinado (Consentimento) a millaraio@gmail.com

A desescalada nos adestramentos do club

Pouco a pouco retomamos a actividade do club ao aire libre. En grupos restrinxidos e con todas as medidas de seguridade sanitarias, imos comezando de novo cos adestramentos ao aire libre, mantendo a distancia de seguridade e cada atleta co seu propio material. Tod@s volven con moita forza, despois de tanto tempo con actividade restrinxida aos adestramentos online.

A actividade do club non parou durante o confinamento

Neste vídeo contámosvos como foi a nosa actividade durante os meses de confinamento. Queremos agradecer a tod@s (atletas, adestradores e familias) pola súa implicación para que o confinamento non nos parase. E a Ames Radio pola difusión.

O club apoia ao comercio local

Desde o club queremos amosar o noso apoio ao comercio local #MercaEnAmes

Moitos deles nos apoian:
Addomo Arquitectura Modular, Rueiro Centro de Salud Dental, Altia, La Cesta Natural, A Mona Ramona Bertamiráns, Tómate más fruta, Panadería Xallas, Clinica Veterinaria Saudevet – Horacio Figueira, Ansu-Car Milladoiro, 吴彩萍 (Paloma Center), AmeSport

Agora é o momento de apoialos, a eles e a todo o pequeno comercio do concello de #Ames! Merca na túa casa, merca ao teu veciño, ao teu amigo.

Grazas a Xuntanza de Empresarios de Ames pola iniciativa e ao grupo de peques do club pola súa colaboración durante a sesión de adestramento!

Eu Merco en Ames

#O #COMERCIO DE #AMES TEN DE #TODO.#MERCA #EN #AMES

Gepostet von Xuntanza de Empresarios de Ames am Montag, 11. Mai 2020

#O #COMERCIO DE #AMES TEN DE #TODO.

Confinamento pola COVID-19: adestrar na casa

A situación de confinamento fainos ter que cambiar a maneira de adestrar. Xa que temos que quedar na casa, os adestradores do club axúdannos a adestrar sen salir á rúa:

Neste video, os adestradores Nacho Rivas e Nico Ramil amósannos trucos para sacarlle proveito aos excedentes de papel hixiénico 🤭🤭

E lembra, contra a #Covid19, mellor na casa!! #resisitirei #QuedaNaCasa

CAMPIONATO DE GALICIA EN PISTA CUBERTA SUB16 E SUB20

Un total de 15 atletas representaron ao Club no Campionato de Galicia sub16 e sub20 en pista cuberta, con grandes resultados. Moitas MMP, postos de finalistas (3 finalistas 😲😲😲 na final de 60 lisos masculinos Sub16!!) e algunhas 🥇🥈🥉 medallas:

Dani Cariñena 2️º🥈 en peso Sub16 e 3️º 🥉 en 60 metros lisos Sub16

Asier Cabo Lodeiro 2️º🥈 en triplo Sub16

Torcuato Labella 3º🥉 en peso Sub20

Matías Barca 4️º en 60 metros lisos Sub16
David García 4️º en altura Sub16
Alejandro Jiménez 4️º en lonxitude Sub16
David García 5️º en triplo Sub16
Matías Barca 5️º en 60 metros valados Sub16
Álvaro Francos 6️º en pértega Sub16
Alejandro Jiménez 6️º en 60 metros lisos Sub16
Batire Guridi 7️ª en 3.000 metros Sub16
Antía Figueras 9️ª en pértega Sub16
Noel Ferraces 9️º en altura Sub16

Ademais, grandes actuacións no Campionato Sub16 de Irene Rodiles e Ángela Eiras nas series de 60 metros lisos, Noa Piñeiro e Lucas Dagnac nas finais B dos 1.000 metros, Antía Figueras e Álvaro Francos nas semis de 60 metros valados, Asier Cabo na final de lonxitude (mágoa eses nulos…), e Noel Ferraces na Final C dos 600 metros lisos.

E no Campionato Sub20, Álvaro Rodiles na Semifinal C de 200 metros lisos e o propio Álvaro e Torcuato Labella nas semis dos 60 metros lisos.